Friday 03 de May de 2024

Veteranos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago do Barbanza visitaron o consistorio pobrense


Despedindo xa o 2021, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), recibiu na mañá deste 30 de decembro a un total de cinco veteranos peregrinos procedentes de distintos puntos da xeografía española que se atopan nestes días transitando o Camiño de Santiago do Barbanza e que finalizaron na xornada de onte a etapa Carreira-A Pobra para emprender hoxe A Pobra-Cespón. A súa andaina comezou no 27 de decembro en Corrubedo e está previsto que conclúa no 2 de xaneiro en Santiago de Compostela. Todos estes camiñantes contan cunha longa traxectoria de peregrinacións, que se traduce en dúas décadas desenvolvendo esta actividade ou percorridos arredor de corenta camiños, segundo as vivencias expostas, converténdose xa nun estilo de vida.

Á recepción tamén concorreron representantes da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, nomeadamente o seu presidente, Manuel Mariño Nin; vicepresidente, Manuel Antonio Villar; e secretaria, Marián Treus. Durante o encontro, os camiñantes trasladaron as súas impresións do itinerario e, no caso concreto da Pobra, destacaron o tramo que discorre pola zona de Niñeiriños, onde se funden bosque e mar. Así mesmo, dialogaron sobre as posibilidades de cara un futuro establecer albergues en todo o traxecto.

O rexedor expresoulles os seus desexos de que a experiencia lles resulte grata e desfruten da tradición xacobea e atractivos das localidades que conforman A Orixe. Pola súa parte, o presidente da citada entidade puxo en valor a hospitalidade da veciñanza e declarou que se continúa traballando na dinamización desta ruta xacobea.

Finalmente, fíxoselles entrega do catálogo da exposición itinerante As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza: A Orixe, exemplares que foron con dedicatorias do mandatario local e dos representantes da referida asociación a petición dos propios viaxeiros para ter como recordo da súa estancia no municipio.